martedì, 29 novembre 2011

Sazerac Straight Rye 18 yo












Straight Rye

18 anos

Embotellado pola destilería

[que realmente é Buffalo Trace]

45% vol


Despois do bourbon atácolle agora ó de centeo (straight rye, que ten unha definición similar á do brbn só que o 51% ten que ser centeo). Este, de color ouro vello/ambarino, ten como o da semana pasada un primeiro golpe de vainilla e tamén un aire de herbas aromáticas, pero neste caso tira máis a aneto e semente de fiuncho, máis outras especias: cravo? logo xenxibre que se fai coa primeira voz para logo volver marchar. Logo albaricoque, logo pel de laranxa, logo carbón de brasa... e todo isto co retrouso da vainilla con manteiga.

A boca ten unha entrada dóce e pulida, pero vai medrando o agarre do carballo e facéndose picante. Cada grolo presenta unha faceta do nariz, para logo ir a un final de ebanistaría e especias.

Moi marcado pola madeira, pero tamén complexo, interesante. Bo whisk(e)y.

mercoledì, 23 novembre 2011

Buffalo Trace











Straight Bourbon

Kentucky

9 anos

Embotellado pola destilería

45% vol


Unha vez linlle a un paisano que os afeccionados ós whiskies escoceses temos sorprendentemente pouco interese polos americanos, sabendo que a maioría maduran en envases de bourbon. Para ir remediando, vou metendo na miña rutina algún de por alá, empezando por un straight bourbon (51% mínimo de millo, destilado como máximo a 80%, criado en barril novo).

O da crianza nova nótase xa no color, que é ouro vello cargado con só 9 anos (penso que non lles deixan botar colorante). Tamén no nariz, cun vainillazo xeitoso. Digo xeitoso porque é grande e porque non é desagradable. Tamén algún froito seco (coco, améndoa) e caramelo. Logo dun primeiro momento desta impresión adocicada e de madeira, vén un contrapunto herbal, con menta e néboda das castañas.

A boca ten viveza e véselle algo a xuventude (isto nótase sobre todo no tacto, igual que o carballo, pero este último non chega a ser astrinxente). Presenta os aromas do nariz, engadindo algo de froita amarela. Especialmente curioso o mentolado; segundo o Dr. Lumsden, de Glenmorangie, é unha nota provocada pola interacción oxidativa entre o envase e o destilado. En escoceses non aparece normalmente con esta forza ata que xa ten uns anos máis, e na miña experiencia é sinal de madurez. Parece que nos USA funciona distinto.

mercoledì, 16 novembre 2011

Clos Martin XO Folle blanche








Armagnac

Bas-Armagnac

15 anos

40% vol


Parece que é monovarietal, pero como nin coñezo a uva nin sei moito de Armagnac limítome ó que teño na copa. O color é ouro cargado. No nariz ten unha primeira impresión de carballo (sobre todo vello) e froitos secos (améndoa salgada) e un carácter cálido e punzante (para ter só 40 %), cousas que o farían apto para afeccionados ó Lepanto. Logo veñen aromas de ameixa pasa e florais de glicinia, e súmase complexidade con comiño e tons de colonia de señor maior [despois de ler cousas de Luca Turin penso que a este aroma se lle pode chamar “cumarina”, pero tampouco estou seguro]. Pementón? Canela? Todos ben engarzados uns noutros.

A boca ten algo do carácter punzante do nariz, pero en xeral é lixeira en peso, tacto e aromas.

martedì, 8 novembre 2011

Janneau XO Royal







Armagnac


Bas-Armagnac/

Tenarèze


12 anos

Embotellado pola casa

40% vol


Como disque é moi bo iso de andar a mirar mundo, coñecer outras historias e esas cousas todas, este ano metín no programa un par de armagnaciños, e aquí vai o primeiro (o seguinte, Dm, a semana que vén). En principio, non me chistan moito as bebidas de negociante nin de mestura dunha barrica mercada alí, dúas acolá e así. Ou máis ben non me chista moito a idea. Pero como o que teño a man é o que é, hai o que hai, e o que hai non foi perda de tempo ningunha.

Ambarino con brillos dourados, lágrima gorda e redonda. No nariz, unha primeira impresión estraña, de flor de espiño e marroquinería. Despois dun anaco xa vexo notas máis típicas de brandy, con ameixa pasa, pero non son as dominantes. Agora especias (comiño, p.ex.). Carabuña de cereixa. Nisto vén un ton de violetas cun puntiño de incenso. Volve marchar e queda terroso. Vai alternando rexistros, metendo polo medio algo de pastelería. A boca é alegre e equilibrada, fina; notas sobre todo de especias e de cereixa. Non ten demasiada forza, pero si viveza.

Para recordar sobre todo polo nariz, variado e complexo (parei nesta lista de descriptores, pero se quixese buscarlle máis aínda atopaba algún), aínda que un pouco fuxidío; cando un ten algo identificado, escapa e aparece un aroma distinto (e os que máis me gustan tardan en volver!). Tomo nota.

mercoledì, 2 novembre 2011

The Macallan sherry oak 18 anos






Single Malt

Speyside

18 anos

Embotellado pola destilería

43% vol


Segunda entrega, seguindo no val do Spey, cunha casa que ten un departamento de imaxe ó que é fácil collerlle manía. Tanto decantador de Lalique, e tanto bandazo de "só empregamos envases de xerez, que é onde mellor..." a "empregamos dos mellores envases de bourbon" ou de "só empregamos cebada Golden Promise” a “empregamos cebada Minstrel, exclusiva e bla bla bla”. Pero en fin, imos ó whisky que é o que conta.

O color é ouro vello ben cargado. Nariz compacto e clásico, cunha nota protagonista de mazá que se vai movendo entre a froita (madura, asada) e a flor de maceira. Por debaixo (e polo medio) cacaos e especias; por momentos algún apuntamento de pólvora. Algo de laranxa? Algo de fume/madeira torrada?

A boca é de peso pero seca. Aromas do nariz (confírmase a mazá, e todo o tempo) pero reforzando o cacao. Vai metendo tamén abelá, algo de noz. As especias viran para xenxibre e vainilla discreta. Puntos de madeiras nobres. Ecos de brandy.

Percorrido nidio, consistente e equilibrado, cunha tarima de calidade pero que non fai ruído. Claro, boa síntese sen estridencias de destilado franco con xerez mensurado.

mercoledì, 26 ottobre 2011

Aberlour A'bunadh, lote 35





Single Malt

Speyside

Embotellado pola destilería

60,30% vol


Para empezar con bo pé, comezamos cun que en principio xa conta con cousas boas polo que non se lle fai: sen filtrar en frío, sen rebaixar, sen colorante. Xa dicía un fenómeno que moitos males do mundo veñen de que a xente non sabe estar quediña.

Á vista é ouro vello con puntos de cobre. As lágrimas, moitas, redondas e pequeniñas, tardan unha chea en formarse e en baixar. No nariz sen diluír (60,3 %) dá cedro, unha nota floral de xeranio, cacao e especias (comiño?). Van aparecendo algúns pasificados, entre ameixa e figo. Por momentos algún mentolado. Complexo, os aromas vanse fundindo uns noutros e desfilando. Mándolle un grolo sen diluír e o whisky parece bastante abordable, aínda que pica un pouco. A entrada é sobre todo cereal, con pan fresco, e só despois vén o resto dos aromas.

Botándolle unha pinga de auga, no nariz destaca moito máis a menta e vólvese algo vexetal. Entre a menta, o xeranio, o chocolate e o cédro recórdame ó Glenmorangie Port Wood Finish (o de antes de Quinta Ruban). Na boca é máis accesible. Como no nariz, reforza a menta e un algo o cacao; as notas de crianza son difíciles de separar unhas doutras. Engade (ou aumenta) un ton de café; algo de laranxa?. Volve o comiño, pechando o final.

Esperaba unha bomba de xerez e non foi así; hai algo de pasificados e se se busca tamén de abelá, pero son discretos. A boca, malia tirar a dóce, está contida por un carballo case secante. Aromática interesante, boa lonxitude e intensidade, consistencia.

Rematou a veda

O temporal destes días veu que nin pintado, que co calor que houbo non había moita gana de destilado. Por tanto, aberta a tempada 2011-2012, que non vén moi cargada pero si con variedade. Teño xa o material e hai un par de Speysides, uns cantos costeiros, un par de americanos (materia pendente) e un par de armagnacs. A ver en que queda a cousa.

Saúde/slàinte mhath

giovedì, 5 maggio 2011

The Glenrothes 1991





Single Malt

Speyside

17 anos

Embotellado pola destilería

43,00% vol


Aproveitando o cambio de tempo colgo a que seguramente será a última nota da tempada 10/11 (que con tempo de calor o destilado non presta e nunca me chistaron os cubatas).

O whisky ten color de ouro vello, non moi diferente dos anteriores. No nariz preséntase complexo e compacto, con aire de familia (albaricoque/peladillo, cítrico [lima]) pero máis floral (caravel, xeranio) e cun punto balsámico enriba dun fondo [aínda que “enriba” e “fondo” non son a mellor descrición] con tons cereais e aditivos de crianza (avainillados, xerez con froita e froito seco [pero con discreción]) perfectamente tecidos uns noutros. Á parte de todo isto, por momentos asoma algo de amorodo, por momentos torrado/afumado da madeira, por momentos talco. Dos tres é o que me levou máis tempo a enredar co nariz.

Na boca o carballo vese algo recio, e os aromas de entrada son tamén de ebanistería. Con todo, van dando paso, pasando por torrado/afumado, ó carácter do nariz (agradécese sobre todo o balsámico a refrescar).

Pois iso: aromaticamente moi complexo e interesante (nun nivel superior ós outros dous). A boca non está á altura do nariz, pero aínda así teño visto peores tablóns e o final salva a honra da tropa.

venerdì, 25 marzo 2011

The Glenrothes 1994




Single Malt

Speyside

13 anos

Embotellado pola destilería

43,00% vol


Idade chistosa (13 anos; embotellado no 2007) e color xa de ouro vello (como dun ano para outro tampouco hai tanto, aquí ten que haber rexime de madeira distinto). No nariz aparece, como no anterior, un punto de xofre. Ebanistería, abelá e cítricos (sobre todo folla de lima) nun conxunto moi incisivo, penetrante. Logo vai achegando aromas máis dondos de froita; está algo semellante ó albaricoque do 1998 pero desta vez tira máis a ameixa amarela e peladillo cun fondiño de cacaos.

A boca é máis concentrada que o anterior, tanto en aromas como na presenza do carballo, que se agarra á lingua xa de entrada, se ben a sensación tánica marcha pronto para deixar cereal, afumados da madeira e outra vez o xofre. De feito a primeira impresión contrasta bastante co final, que parece lixeiro e trae os aromas do nariz (sobre todo o peladillo) + noces.

En resumo, algún cambio nos aromas (mantemos en xeral o cítrico, a froita de óso e as noces [e o xofre]) e sóbelle a potencia ó ataque, cun tacto máis firme pero alixeirando o final. Posiblemente máis complexo tamén.

martedì, 8 febbraio 2011

The Glenrothes 1998







Single Malt

Speyside

12 anos

Embotellado pola destilería

43,00% vol


Hoxe empezo unha serie de tres Glenrothes, unha casa que por aquí destaca por un par de cousas. Para empezar, a botella pode verse nunha chea de casas de comidas e bares do país con licor café, caña de herbas e cousas polo estilo. A segunda é que é dos non moitos que sacan o whisky “normal” por anadas, no canto de embotellar por idades mínimas.

Este, segundo a etiqueta, foi destilado en 1998 e embotellado en 2010, co que tería arredor de 12 anos (mes arriba, mes abaixo). De color amósase dourado ben intenso (e disque non hai colorante). No nariz aparece un punto sulfuroso (foguete estoupado) e outro alcohólico, pero por debaixo disto temos unha impresión bastante doce, con aire de panadería e pastelería (e mazapán?) máis albaricoque (tamén seco e confeitado) (outras froitas?) con notas cítricas que van indo, vindo e cambiando.

A entrada en boca é franca e cos aromas do nariz. Nos primeiros grolos tarda un pouquiño en organizarse no padal, pero acaba amosando un desenvolvemento interesante a base de albaricoque e mel con contrapunto afumado (afumado de madeira torrada, non de turba)/tabaco para chegar a un final case guloso [ese puntiño afumado un algo secante tira para o equilibrio] no que engade noces.

Na propaganda din “importa a madurez, non a idade”, pero a textura correspóndese co que un pode esperar dun whisky de calidade deses anos (nin menos nin máis). Con todo, en xeral, un Speyside bastante máis que correcto. Convence.

venerdì, 28 gennaio 2011

Kilchoman inaugural release






Single Malt

Islay

3 anos

Embotellado pola destilería

46% vol


Hoxe toca comentar o que está empezando a producir a última destilería montada en Islay, Kilchoman. É un proxecto bastante interesante por varios motivos, e un deles é que empregan cebada cultivada alí por eles. Píllanlle tamén malte á maltería de Port Ellen (como case todas as demais), pero, no canto de mesturar o malte propio [que neste caso ademáis sería cultivado in situ] co outro, como fan p. ex. Laphroaig ou Bowmore, maceran, fermentan e destilan á parte, co que supoño que nalgún momento sacarán un whisky xa non só single malt senón “single finca”.

De momento este Inaugural Release ten color que xa entrou no dourado. No nariz a turba é evidente (cinza) pero non abusiva; de feito o protagonismo é para os aromas de xuventude do destilado, con intensos afroitados (goiaba, pera de manteiga, plátano), algún punto de cera, ribetes florais e algún outro que non dou acabado de identificar. Ó revolver a impresión de destilado fresco faise aínda máis forte, con aire de caña branca.

A boca é bravota, loxicamente, pero téñoos visto con máis anos que non lle andaban moi lonxe. Ataque aínda desorganizado, pero no posgusto hai cousas interesantes, cun cereal bastante franco e cunha turba aquí tamén presente pero equilibrada (agora tira máis a caucho a arder).

Con esta abundancia de aromas e este posgusto é unha destilería interesante para ver como lle vai dentro duns catro ou cinco anos (comezaron a producir en 2005); agora mesmo só sería recomendable para fanáticos da augardente branca, poitín e cousas así. Pode ser un problema o prezo: cando por un whisky de 3 anos e pico piden o que por, poñamos, un HP de 15...

mercoledì, 12 gennaio 2011

Karukera réserve spéciale







Rhum vieux agricole

Guadalupe

5 anos

Embotellado pola destilería

42,00% vol


Toca hoxe comentar unha bebida que vén sendo un mundo novo para min. En ron o único que tiña probado era algún combinado perralleiro cando era novo (cousas da idade), pero este ano ocorréuseme que viña sendo hora de ampliar conñecementos, así que empecei por este como primeiro "ron serio". É un ron agricole, que se non me liei moito supón que está feito con zume de cana (e non melazas que quedan da extracción do azucre) e destilado en columna (cousa que sobre o papel non me chistaba moito). A ver entón:

Color pasado de ouro, entramos xa no cobre. Tá ben, non?

No nariz xa vén a sorpresa: intenso e fragrante, todo cheo de aromas que se poden encadrar nun par de grupos. Por un lado, e co protagonismo, temos o andel das especias, con notoria pementa negra, cravo, semente (e talo) de fiúncho, azafrán e mesmo algo de loureiro. Logo vai aparecendo un núcleo de plátano (ben maduro, cando xa vai negro), con certo reborde de pastelaría. Fóra diso, hai tamén algunha nota elusiva (vetiver?)

Na boca entra franco pero aínda con algunha pequena aspereza, e desprega ó instante, pero de xeito ben organizado, toda a riqueza de aromas do nariz e mais algún apuntamento de azucre moreno (isto tamén pode ser suxestión). No final destaca en especial o azafrán (co loureiro mesmo me fai pensar en carne de lagostino).

Como dixen, no paso de boca aínda ten algo por pulir, pero chistoume sobre todo a nitidez das fragrancias, en particular as especiadas, que se presentan tanto no nariz como na boca [en particular no posgusto] cunha definición ben destacable. Hm, contento de telo coñecido.