martedì, 18 dicembre 2012

Bowmore 12 anos



[Bowmore 12]
Single Malt
Islay
12 anos
Embotellado pola destilería
40,00% vol



Todo mundo ten unha historia de extremos con Islay; ou ben un flipa e se fai fanático da brasa de turba ou ben lle parece unha cousa noxenta e logo acaba colléndolle gusto. Eu debo de ser da terceira vía, porque o primeiro Islay que probei parecíame de fume, froita e aceite de fritir, nin repulsivo nin me cambiaba a vida. Logo funlle vendo o lado marítimo e un inverno sen un destes xa non é o mesmo. O primeiro que probei foi un Bowmore de 12 anos, e hoxe volvo mirar a ver como está.

Dourado escuro, brillante e matizado. No nariz o fume está presente pero non é para nada protagonista (en xeral o perfil está máis preto de Highland Park que de Lagavulin). Polo lado dos aromas de froita, onde, p.ex. Laphroaig ten melón aquí hai mazá e manga moi ben fundidas entre si, e con apuntamentos de uz (e máis, cítrico?), e certo ton dóce (hai quen fala de mel; eu nin nego nin afirmo). Aparecen tamén puntos de mar (arenque? algo de anchova?), que un preferiría que fosen máis fortes pero estar están. Precisión e franqueza.

Boca cálida, non pedraalumbre, de entrada cereal que pasa a amosar os aromas do nariz, tamén aquí enxertados uns nos outros. Final que vai secando e engadindo matices máis iodados (por un momento mesmo azafrán) e algún vexetal. Boa mostra, e ben tecida, da illa tirando pola banda moderada, e por complexidade dá para explorar máis (vou mercar a botella).

martedì, 11 dicembre 2012

Glengoyne 12

[Glengoyne 12]



Single Malt
Highlands
12 anos
Embotellado pola destilería
43,00% vol


Despois dun paronciño por causa dun gripe e logo unhas vacacións e logo choio interrumpín isto un pouco e agora vou con atraso, así que vou ter que catar cun algo de apuro. Volta a Escocia (Highlands) con este Glengoyne, que se amosa con color ouro vello bastante brillante.
Inmediatamente aromático ó botalo na copa, e clásico, con mazá asada, uz e algo de moble vello, máis faceta cereal/panadería engarzada cun bocadiño de abelá. Se se busca (ou se agarda un pouco) saen herbas (menta, regalicia), a achegar frescor atemperado por un belisco de vainilla. Na boca, ataque incisivo e final máis dóce, pero tamén de corte moi clásico, de vestir coidado e oloroso (moi nidia e saborosa esa abelá, tamén con améndoas crúas). A impresión do seu paso correspóndese á idade que declara, pero o final é longo abondo e máis.
En suma: da vella escola, subtil (entra no estereotipo de Speyside), coherente e harmonioso. Outro que vai para a lista de excelentes whiskies con marca de menos bombo.

martedì, 13 novembre 2012

Bushmills Black Bush

 


Blended
Irlanda
Embotellado pola destilería (DIAGEO)
40,00% vol


Este ano volvo ó whiskeo un pouco máis tarde, pero tamén todo veu atrasado. Desta, ademais, vou empezar raro, cun blended, raza que polo normal non podo nin mirar diante. Pero é que este é un pouco especial: o whisky é bo, e ademais para min ten valor sentimental (sniff, sniff, noites de volta co violín ó lombo camiño do cemiterio de...). Ó conto: vén sendo material recomendable xa de por si, e non digamos para usos pedestres como flamexar, botar no xeado, visitas e cousas desas.

Entrando en materia: de color preséntasenos dourado cargado, disque de madeira xerezana, e isto último notase ben no nariz, cun fondo xenérico de xerez sobre o que destacan notas de mazá (acabada de cortar e caramelo de mazá). Tamén ten matices florais (rosa) e especiados (comiño? alcaravea?). Nin un ápice de alcohol de farmacia (unha das tachas dos blended), de feito pasaría tranquilamente por whisky de pote. Vese que o destilado aínda é novo , pero é franco e de aromas ben conxuntados.

Na boca é lixeiro e ten algún pequeno raspaciño pola xuventude (oficialmente ten 8 anos como máximo), pero é amable de beber, cunha textura tirando case para o guloso/adocicado. Aquí nótaselle máis o destilado de columna, e non é o máis longo ou intenso que vin, pero ben vale os vintepico ouros que vén custando.

mercoledì, 1 febbraio 2012

Springbank 10 anos





Single Malt

Campbeltown

10 anos

Embotellado pola destilería

46,00% vol


Toca hoxe un de Campbeltown, e de propiedade familiar, e sen colorante, e sen filtrar, para máis señas. O básico da casa preséntase pálido pálido, ás penas dourado. No nariz a primeira impresión é de austeridade e de frescura. Cereal con apuntamentos florais pero sobre todo con notas vexetais que van ser o retrouso principal da aromática deste whisky. Máis que herbáceos recordan a hortalizas de raíz (ravo?). De repente dá un bandazo e parece dóce e afroitado (albaricoques? ou son cantarelos?). Noutro parece colonia antiga. Nisto hai fume. Plátano con feluxe? E non sigo. Marítimo? Seguramente é autosuxestión. Os aromas dan case todos impresión de xuventude, pero presentados coa definición e a claridade dos anos.

Na boca ataca directo e franco, cereal con apuntamentos de fume. Bo paso marcado e case dóce pero áxil. En cada grolo volve sacar algunha das caras do nariz. Longo. Claramente un bo whisky de media mañá; hai que darlle moita atención porque aínda que amosa unha chea de cousas é o contrario dunha bomba (xa sexa de xerez ou de fume). Destacable o feito de que a súa complexidade sexa cousa do destilado, non de meterlle enriba dúas mans de avainillados e unha de barrica de viño.

martedì, 17 gennaio 2012

Highland Park 1987 (22 anos)



Single Malt vintage (1987)

Illas (Orkney)

22 anos

Embotellado por Signatory

43,00% vol


Despois das festas, toca volver ó choio e neste caso cun Highland Park vintage do 87. Daquela, cando aínda eu non bebía whisky, destilaron este que agora parece pálido para a idade, cun dourado brillante. No nariz ten a raza da casa engastada nun conxunto harmónico, pulido, redondo. Van paseando entre encaixados e transparentes uns con outros o mel, a uz e a torta de mazá, e tamén cereal, un punto entre vexetal e balsámico, algo de flor branca....Hai quen lle ve o punto marítimo, pero eu non llo atopo. Curiosamente, non se nota fume.

Na boca, malia á palidez, nótase ben o carballo, tanto no tacto como en torrados da madeira que fan que haxa que estar atento para non perder os aromas de antes. Con todo, resolve en dozura e nun final no que predomina a torta de mazá. A boca, estando polo menos dentro do correcta, baixa un pouco o nivel, pero o nariz é cousa fina.