Visualizzazione post con etichetta Bowmore. Mostra tutti i post
Visualizzazione post con etichetta Bowmore. Mostra tutti i post

martedì, 15 gennaio 2013

Bowmore 18 anos


[Bowmore 18]

Single Malt
Islay
18 anos
Embotellado pola destilería
43,00% vol



Ano novo, mesma destilería; non puiden mercar do de 15 anos así que paso directamente ó de 18. De color ouro vello. No nariz o carácter é ben parente do de 12, con semellante froitosidade e fume discreto, pero sobe de balsámico/herbas (entre loureiro, menta e mesmo lavanda, sen ser de todo ningún deles), aire salgado e, malia un fondo terroso/de froitos secos/cacao dá impresión nova, fresca e vigorosa.

Algo semellante ocorre na boca, que por textura parece moito máis nova có que pon a etiqueta. O cambio está máis ben na maior complexidade (e igual é un bocado máis longo), con esas notas terrosas a maiores (que se xuntan moi ben co suave afumado) e as de herbas, que fan boas migas cos matices salgados e de iodo/azafrán.

martedì, 18 dicembre 2012

Bowmore 12 anos



[Bowmore 12]
Single Malt
Islay
12 anos
Embotellado pola destilería
40,00% vol



Todo mundo ten unha historia de extremos con Islay; ou ben un flipa e se fai fanático da brasa de turba ou ben lle parece unha cousa noxenta e logo acaba colléndolle gusto. Eu debo de ser da terceira vía, porque o primeiro Islay que probei parecíame de fume, froita e aceite de fritir, nin repulsivo nin me cambiaba a vida. Logo funlle vendo o lado marítimo e un inverno sen un destes xa non é o mesmo. O primeiro que probei foi un Bowmore de 12 anos, e hoxe volvo mirar a ver como está.

Dourado escuro, brillante e matizado. No nariz o fume está presente pero non é para nada protagonista (en xeral o perfil está máis preto de Highland Park que de Lagavulin). Polo lado dos aromas de froita, onde, p.ex. Laphroaig ten melón aquí hai mazá e manga moi ben fundidas entre si, e con apuntamentos de uz (e máis, cítrico?), e certo ton dóce (hai quen fala de mel; eu nin nego nin afirmo). Aparecen tamén puntos de mar (arenque? algo de anchova?), que un preferiría que fosen máis fortes pero estar están. Precisión e franqueza.

Boca cálida, non pedraalumbre, de entrada cereal que pasa a amosar os aromas do nariz, tamén aquí enxertados uns nos outros. Final que vai secando e engadindo matices máis iodados (por un momento mesmo azafrán) e algún vexetal. Boa mostra, e ben tecida, da illa tirando pola banda moderada, e por complexidade dá para explorar máis (vou mercar a botella).