lunedì, 22 novembre 2010

GlenDronach Original







Single Malt

Speyside

12 anos

Embotellado pola destilería

43,00% vol


Toca agora comezar a serie GlenDronach, destilería que volve a estar en funcionamento desde hai dous anos, desde que está en mans de BenRiach, co que pasou a ser unha das poucas independentes. Disque o nivel dos seus whiskies subiu desde entón, pero como non probei aínda os anteriores terei que partir de tabula rasa.

O whisky en si ten un color dourado cargado con algún reflexo cobre. Nariz fragrante e vivaz, cunha primeira bafarada floral (caravel, uz, rosa) cos talos; engarzado nestes últimos tonos aparece tamén algo de froita tropical, goiaba. Menta? Despois de todo isto aparece un aire de masa de pan sobre fondo de madeira xerezana cálida que vai pasando a unha clara nota de mirabel ben maduro.

Na boca ten unha entrada franca e clara, malia ser un pouco secante. Aparece unha certa envolvencia, con miolo de pan e rebordes pasificados (orellóns? algo de figo?) sobre os que volven os mirabeis (frescos, en licor e en xarope) con puntais de doela de oloroso e algún apuntamento cítrico e especiado (cravo?) pasando a un final que mantén a nota central de mirabel pero revela un toque afumado, entre o lume de leña e o foguete estoupado.

É un whisky alegre e aberto, falador, cun perfil aromático interesante e compoñentes ben organizados ademais dunha grande franqueza. Encantado de coñecelo e con curiosidade por ver os máis vellos. Placet.

martedì, 2 novembre 2010

Glenfarclas 21 anos







Single Malt

Speyside

21 anos

Embotellado pola destilería

43,00% vol


Por un par de circunstancias chegoume esta botella que encaixa na serie de Glenfarclas que empezara o ano pasado, así que se pode comparar co que entón dixen dos outros (pasa que a comparación fiable fiable non é, visto o tempo que pasou).

De color preséntase dourado cargado, ouro vello pero sen entrar no ámbar. No nariz vemos un whisky coas características da casa: impronta xerezana, con madeira vella pero máis discreta que nos máis novos, con moitas menos acetonas, florais de uz (pero sobre todo de caravel) e esa nota de colonia de avó. Sobre todo a copa parada transmite ben o malte e tamén notas de aceite de abelá e algo de coco. Fronte ó que recordo dos anteriores tamén é un nariz máis compacto, máis denso, pero denso pola madurez do destilado, non en plan xarope.

A entrada na boca é dóce, con regalicia e algo que se move entre o biscoito e a mazá, pero atemperada por un marco de madeiras fragrantes (mesmo matices de cedro) que pasan a ser especias (vid. infr.). O centro do padal tómao un ton de mazá asada con canela (e logo cravo e logo máis especias: vainilla? xenxibre?) e azucre de cana, máis algo de albaricoque confeitado/seco. Logo (pero bastante logo) vai pasando, con apuntamentos de fume e algo de pasificado, a un final que nuns grolos é de pasa e noutros de cacao/café. Cando todo isto se vai esvaíndo quedan ecos de caldo de carne (comparable a un Mortlach novo?) con tomate e cravo.

Como se pode imaxinar despois do que puxen, anda ben servido de complexidade e lonxitude, e a boca ten un desenvolvemento moi moi pausado, redondo, tecido.

[Non podo pechar sen acordarme do proveedor da botella. Alfonso: á túa saúde.]

Un ano máis vello, debe de ser unha cousa boa

Outro ano máis volve o frío por Glenrandufe, así que xa toca ir empezando coa tempada de destilados 2010-2011. Faise un pouco raro ter un blog parado desde abril (coma os osos pero ó revés), pero a estacionalidade é o que ten. Xa teño mercado grande parte do material, e desta volta vai tocar unha "vertical" de Glenrothes e de Glendronach (que disque é o novo vello Macallan, a ver a ver), algún da costa (a ver se lle boto tamén o dente ó Talisker 10 nos lotes que andan a circular agora) e un par de incursións polo Caribe.

Pois nada: slàinte mhor!

Un ano máis vello, debe de ser unha cousa boa

Outro ano máis volve o frío por Glenrandufe, así que xa toca ir empezando coa tempada de destilados 2010-2011. Faise un pouco raro ter un blog parado desde abril (coma os osos pero ó revés), pero a estacionalidade é o que ten. Xa teño mercado grande parte do material, e desta volta vai tocar unha "vertical" de Glenrothes e de Glendronach (que disque é o novo vello Macallan, a ver a ver), algún da costa (a ver se lle boto tamén o dente ó Talisker 10 nos lotes que andan a circular agora) e un par de incursións polo Caribe.

Pois nada: slàinte mhor!