venerdì 11 gennaio 2008

Glenmorangie Port Wood Finish


Single Malt

Highlands

De idade suponse que basicamente 12 anos

Embotellado pola destilería

43,00% vol

35,75 €

Parece que Glenmorangie estivo reformando toda a súa liña, e os "X wood finish" non se producen máis. Agora ofrecen un Glenmorangie con paso por madeira de Porto que leva o nome de "Quinta Ruban"; eu estiven a babarme un pouco diante do escaparate de Arjeriz pero aínda non tiven ocasión de probalo. Con todo, aínda quedan botellas das versións anteriores nas tendas (conseguín esta recentemente en Aqua Terrae, en Vigo). En fin, ó choio: a color é moi profunda e interesante, dourada cargada/ambarina cunha chea de matices que van do ouro ó pel de cebola e case ó vermello, o que se ve especialmente mirando a botella. No nariz compróbase ben ás claras o "Port Wood Finish" (ruby, concretamente), cun carácter clara e abertamente viñoso pero non monolítico, porque vai acompañado de notas vexetais/florais (xeranio, particularmente) e de certos matices de cedro, así como dunha nota resinosa e por momentos algúns matices especiados e de froitos secos. Na boca preséntase un panorama semellante no que a nota resinosa que se percibía no nariz pasa a se converter nun carácter balsámico no medio dun longo e variado padal caracterizado pola súa complexidade (que inclúe notas achocolatadas) e por unha extrema suavidade, así como polo seu ton dóce, mol e intenso. En suma: moi viñoso, complexo, mol e un excelente investimento.