Visualizzazione post con etichetta Orkney. Mostra tutti i post
Visualizzazione post con etichetta Orkney. Mostra tutti i post

martedì, 17 gennaio 2012

Highland Park 1987 (22 anos)



Single Malt vintage (1987)

Illas (Orkney)

22 anos

Embotellado por Signatory

43,00% vol


Despois das festas, toca volver ó choio e neste caso cun Highland Park vintage do 87. Daquela, cando aínda eu non bebía whisky, destilaron este que agora parece pálido para a idade, cun dourado brillante. No nariz ten a raza da casa engastada nun conxunto harmónico, pulido, redondo. Van paseando entre encaixados e transparentes uns con outros o mel, a uz e a torta de mazá, e tamén cereal, un punto entre vexetal e balsámico, algo de flor branca....Hai quen lle ve o punto marítimo, pero eu non llo atopo. Curiosamente, non se nota fume.

Na boca, malia á palidez, nótase ben o carballo, tanto no tacto como en torrados da madeira que fan que haxa que estar atento para non perder os aromas de antes. Con todo, resolve en dozura e nun final no que predomina a torta de mazá. A boca, estando polo menos dentro do correcta, baixa un pouco o nivel, pero o nariz é cousa fina.

giovedì, 4 marzo 2010

Highland Park 25 anos




Single Malt

Illas (Orkney)

25 anos

Embotellado pola destilería

48,10% vol


E finalmente toca a derradeira entrega orcadiana, co de 25 (o de 40 queda para o ano que vén). Xa só con botalo na copa podemos ver [en teoría HP embotella sen axustar color] que tira por un camiño algo distinto ós anteriores e algo máis próximo ó traballo doutras destilerías: por riba do color ouro vello ben cargado entramos xa no ámbar. Vese ademáis certa densidade.

O nariz é intenso, cunha bafarada de laranxa amarga e madeira de xerez a certa distancia da copa; máis preto hai madeiras nobres (cedro) e coco que envolven a torta de mazá e o mel de uz. Grande elegancia. Se lle botamos unha pinga de auga danos máis especias e certo ton balsámico (incenso?) sobre un claro toffee que van retrocedendo logo para deixar ver aires de campo en flor (xa me empeza a alterar o sangue, pero esta é a mellor descrición que se me ocorre).

Na boca é bebible sen diluír, con certa firmeza e tanicidade pero cunha textura aveludada. Tamén aquí se fai notar ben ás claras a madeira, con froitos secos que fan de base ó mel/torta de mazá, e a un suave afumado con matices de pólvora e de fume de tabaco. Final propio da casa que engade ademais os matices de madeira, certa manteiga e cafés. A auga, ademais de facelo máis accesible (se for necesario), deixa ver certo matiz salino [divertida coincidencia, porque logo deste vou comentar dous Islays clásicos] e o balsámico.

Coa plenitude da raza de Highland Park, pero desta lucindo o traballo da madeira, moi abrandyado (de xerez concretamente). A impresión xeral é o que se podería esperar a esta idade (máis madeira, destilado máis refinado e complexo) pero acentuando o oloroso e fardando de ebanistería.