Single Malt vintage (1987)
Illas (Orkney)
22 anos
Embotellado por Signatory
43,00% vol
Despois das festas, toca volver ó choio e neste caso cun Highland Park vintage do 87. Daquela, cando aínda eu non bebía whisky, destilaron este que agora parece pálido para a idade, cun dourado brillante. No nariz ten a raza da casa engastada nun conxunto harmónico, pulido, redondo. Van paseando entre encaixados e transparentes uns con outros o mel, a uz e a torta de mazá, e tamén cereal, un punto entre vexetal e balsámico, algo de flor branca....Hai quen lle ve o punto marítimo, pero eu non llo atopo. Curiosamente, non se nota fume.
Na boca, malia á palidez, nótase ben o carballo, tanto no tacto como en torrados da madeira que fan que haxa que estar atento para non perder os aromas de antes. Con todo, resolve en dozura e nun final no que predomina a torta de mazá. A boca, estando polo menos dentro do correcta, baixa un pouco o nivel, pero o nariz é cousa fina.
Nessun commento:
Posta un commento