Visualizzazione post con etichetta Highlands. Mostra tutti i post
Visualizzazione post con etichetta Highlands. Mostra tutti i post

lunedì, 18 marzo 2013

Old Pulteney 17 anos




Single Malt
17 anos
Embotellado pola destilería
46% vol




Puf, agonía un pouco ter whisky atrasado e a primavera que se bota enriba, así que continúo despois dunha tempadiña de descanso forzado. Deixaramos a cousa no OP de 12 e hoxe toca o de 17. Este é outro deses casos nos que se mantén o aire de familia ainda que vaiamos subindo de idade. Ademáis de cor parecida, no nariz preséntanos notas semellantes, con flor de castiñeiro, apuntamentos vexetais e algo menos de pastelaría, pero estar está. Engade un certo ton resinoso, como madeira de piñeiro, e igual algo de abelá. Posiblemente seña máis perfilado, tamén. 

Onde si que hai un cambio é na boca, que non é nada larpeira. Aquí temos firmeza, con final claramente seco e máis cereal, acompañado de abelá e torrados. Como dixen, a familia é a mesma, pero o carácter é bastante máis tirando a seriote.

lunedì, 4 febbraio 2013

Old Pulteney 12 anos


[Old Pulteney 12 anos]

Single Malt
Highland
12 anos
Embotellado pola destilería
40% vol



Rematando o ano con dúas destilerías da beira do mar e non moi lonxe unha de outra, Old Pulteney e Clynelish. O OP de 12 anos ten color dourado intenso. Tamén intenso no nariz, con flor de árbore/mel, estrume de monte (uz, fento, toxo) e punto cítrico alimonado. Aire tamén de pastelería, con vainilla e algo de coco. Moi redondo e amable, e recórdme bastante ó Highland Park de 16 anos.

A boca ten un tacto aínda novo, pero con redondez e profundidade. Aromas do nariz con especiado (canela/cravo). Envolvente, longo, mantido e equilibrado, sen caer na gordura, final sedoso. Non apto para alérxicos a vainilla/madeira de bourbon, e graxo, pero bo whisky (aínda que non acabo eu de ver as comparacións co manzanilla).

martedì, 11 dicembre 2012

Glengoyne 12

[Glengoyne 12]



Single Malt
Highlands
12 anos
Embotellado pola destilería
43,00% vol


Despois dun paronciño por causa dun gripe e logo unhas vacacións e logo choio interrumpín isto un pouco e agora vou con atraso, así que vou ter que catar cun algo de apuro. Volta a Escocia (Highlands) con este Glengoyne, que se amosa con color ouro vello bastante brillante.
Inmediatamente aromático ó botalo na copa, e clásico, con mazá asada, uz e algo de moble vello, máis faceta cereal/panadería engarzada cun bocadiño de abelá. Se se busca (ou se agarda un pouco) saen herbas (menta, regalicia), a achegar frescor atemperado por un belisco de vainilla. Na boca, ataque incisivo e final máis dóce, pero tamén de corte moi clásico, de vestir coidado e oloroso (moi nidia e saborosa esa abelá, tamén con améndoas crúas). A impresión do seu paso correspóndese á idade que declara, pero o final é longo abondo e máis.
En suma: da vella escola, subtil (entra no estereotipo de Speyside), coherente e harmonioso. Outro que vai para a lista de excelentes whiskies con marca de menos bombo.