venerdì, 12 marzo 2010

Laphroaig 10 anos




Single Malt

Islay

10 anos

Embotellado pola destilería

40% vol


Parece que xa marchou o frío e temos a primavera aquí, co cal imos ir pechando a tempada de destilados deste ano (mañá vou pillar a última botella 2009/10), e xa non é tempo de Islays, pero teño notas que colgar de dous exemplos de libro do estilo, así que aquí van. A primeira é este Laphroaig de 10 anos, whisky que se presenta dun color alaranxado non especialmente digno de mención, a diferenza do resto de sensacións que dá. Ó primeiro golpe de nariz (e sen necesidade de achegalo moito) xa amosa de que tipo de whisky estamos a falar: bafarada de turba con matices (pequenos) de cinza e de algo torrado, como pipas de xirasol, e peixe branco afumado. Pero non todo é fume neste whisky novo en botella verde: o resto do destilado fala ben claro, cun franco carácter afroitado maduro e case tropical (particularmente melón) ó que se unen notas florais (uz, algo de caravel) e aires de farmacia, todo isto sobre notas mariñas que se van apoderando do aire da copa e que nos remiten sobre todo a argazo, poza nas rochas e vento mareiro. Tamén hai unha presenza importante do cereal (pero no medio de todo o anterior) e xa podemos ir adiviñando a aceitosidade que vai vir no padal.

Na boca dá unha nota de fumo ben marcada pero non avasalladora que se mantén durante todo o desenvolvemento, mentres van aparecendo primeiro o malte e a froita/matiz floral/farmacia do nariz e logo as algas (desta vez das comestibles) e o aire de poza nas pedras, que se reforza cun punto nidiamente salgado máis algunha pincelada de iodo. Todo isto vai acompañado dun frescor case vexetal case amargo que lle dá un paso de boca áxil malia á súa untuosidade (vid. infra) e que combina moi ben coa salinidade. O tacto é aceitoso, case espeso, e cobre ben o interior da boca.

É un whisky intenso, con certeza, pero a impresión xeral é de potencia en certo sentido contida, nada explosiva. Loce ben a xuventude (nótese que non digo acusa), coa franqueza dos tonos afroitados e florais, mentres que a súa textura oleosa se encarga de facer pasar desapercibida calquera posible aspereza que puidera ter traído. E, last but not least, a moi pracenteira sensación de estar a tomar unha bebida que sabe, e ben, a mar.

Nessun commento:

Posta un commento