martedì, 23 marzo 2010

Lagavulin 16 anos





Single Malt

Islay

16 anos

Embotellado pola destilería (DIAGEO)

43% vol


Ben, e como xa dixera, para rematar esta tempada toca outro clásico de Islay, co que quedan cubertos os tres da costa sur (Ardbeg, Laphroaig e Lagavulin), que ademais é doado de atopar. Á vista preséntasenos ouro vello, pero non perdemos moito tempo mirando para el porque o aroma case nubla a vista: batería completa de turba, con brasas apagadas, grella de asar (de asar xurelos, concretamente, e de feito con aigo de panza de xurelo á brasa), regalicia (adoita xurdir ó combinarse o fume e os avainillados da madeira) e mais farmacia ó fondo, cun certo toque floral e notorias olivas negras. Por momentos aceite de fritir usado. Comezan a vir as algas. Remexemos un pouco a copa e aparece un panorama distinto: o fume retrocede (dentro de lo que cabe, como dicía o outro) e aumentan os tons de farmacia e alcanfor, que van engadindo unha nidia menta balsámica, e aparece certa dozura de cereal. Por momentos volve o fume, pero en forma de pneumático queimado.

Boca densa, oleosa, pesada, co primeiro mazazo de sabores/aromas nada máis pasar os beizos, empezando a mascalo. Farmacia, olivas negras, grella/cinza/regalicia, tamén fume de fogueira. Tamén aquí van aparecendo as algas, coa panza de xurelo e con matices iodados (percebe), que nalgúns grolos se fan co control do final máis dun minuto despois de tragalo.

Moita, moita potencia, concentración e complexidade (e a de descriptores que me quedan no tinteiro: boca de despois do dentista, ostras, tabaco...) que cambia a cada momento. Corta en seco a halitose e o aburrimento.

Nessun commento:

Posta un commento