martedì, 8 febbraio 2011

The Glenrothes 1998







Single Malt

Speyside

12 anos

Embotellado pola destilería

43,00% vol


Hoxe empezo unha serie de tres Glenrothes, unha casa que por aquí destaca por un par de cousas. Para empezar, a botella pode verse nunha chea de casas de comidas e bares do país con licor café, caña de herbas e cousas polo estilo. A segunda é que é dos non moitos que sacan o whisky “normal” por anadas, no canto de embotellar por idades mínimas.

Este, segundo a etiqueta, foi destilado en 1998 e embotellado en 2010, co que tería arredor de 12 anos (mes arriba, mes abaixo). De color amósase dourado ben intenso (e disque non hai colorante). No nariz aparece un punto sulfuroso (foguete estoupado) e outro alcohólico, pero por debaixo disto temos unha impresión bastante doce, con aire de panadería e pastelería (e mazapán?) máis albaricoque (tamén seco e confeitado) (outras froitas?) con notas cítricas que van indo, vindo e cambiando.

A entrada en boca é franca e cos aromas do nariz. Nos primeiros grolos tarda un pouquiño en organizarse no padal, pero acaba amosando un desenvolvemento interesante a base de albaricoque e mel con contrapunto afumado (afumado de madeira torrada, non de turba)/tabaco para chegar a un final case guloso [ese puntiño afumado un algo secante tira para o equilibrio] no que engade noces.

Na propaganda din “importa a madurez, non a idade”, pero a textura correspóndese co que un pode esperar dun whisky de calidade deses anos (nin menos nin máis). Con todo, en xeral, un Speyside bastante máis que correcto. Convence.

venerdì, 28 gennaio 2011

Kilchoman inaugural release






Single Malt

Islay

3 anos

Embotellado pola destilería

46% vol


Hoxe toca comentar o que está empezando a producir a última destilería montada en Islay, Kilchoman. É un proxecto bastante interesante por varios motivos, e un deles é que empregan cebada cultivada alí por eles. Píllanlle tamén malte á maltería de Port Ellen (como case todas as demais), pero, no canto de mesturar o malte propio [que neste caso ademáis sería cultivado in situ] co outro, como fan p. ex. Laphroaig ou Bowmore, maceran, fermentan e destilan á parte, co que supoño que nalgún momento sacarán un whisky xa non só single malt senón “single finca”.

De momento este Inaugural Release ten color que xa entrou no dourado. No nariz a turba é evidente (cinza) pero non abusiva; de feito o protagonismo é para os aromas de xuventude do destilado, con intensos afroitados (goiaba, pera de manteiga, plátano), algún punto de cera, ribetes florais e algún outro que non dou acabado de identificar. Ó revolver a impresión de destilado fresco faise aínda máis forte, con aire de caña branca.

A boca é bravota, loxicamente, pero téñoos visto con máis anos que non lle andaban moi lonxe. Ataque aínda desorganizado, pero no posgusto hai cousas interesantes, cun cereal bastante franco e cunha turba aquí tamén presente pero equilibrada (agora tira máis a caucho a arder).

Con esta abundancia de aromas e este posgusto é unha destilería interesante para ver como lle vai dentro duns catro ou cinco anos (comezaron a producir en 2005); agora mesmo só sería recomendable para fanáticos da augardente branca, poitín e cousas así. Pode ser un problema o prezo: cando por un whisky de 3 anos e pico piden o que por, poñamos, un HP de 15...

mercoledì, 12 gennaio 2011

Karukera réserve spéciale







Rhum vieux agricole

Guadalupe

5 anos

Embotellado pola destilería

42,00% vol


Toca hoxe comentar unha bebida que vén sendo un mundo novo para min. En ron o único que tiña probado era algún combinado perralleiro cando era novo (cousas da idade), pero este ano ocorréuseme que viña sendo hora de ampliar conñecementos, así que empecei por este como primeiro "ron serio". É un ron agricole, que se non me liei moito supón que está feito con zume de cana (e non melazas que quedan da extracción do azucre) e destilado en columna (cousa que sobre o papel non me chistaba moito). A ver entón:

Color pasado de ouro, entramos xa no cobre. Tá ben, non?

No nariz xa vén a sorpresa: intenso e fragrante, todo cheo de aromas que se poden encadrar nun par de grupos. Por un lado, e co protagonismo, temos o andel das especias, con notoria pementa negra, cravo, semente (e talo) de fiúncho, azafrán e mesmo algo de loureiro. Logo vai aparecendo un núcleo de plátano (ben maduro, cando xa vai negro), con certo reborde de pastelaría. Fóra diso, hai tamén algunha nota elusiva (vetiver?)

Na boca entra franco pero aínda con algunha pequena aspereza, e desprega ó instante, pero de xeito ben organizado, toda a riqueza de aromas do nariz e mais algún apuntamento de azucre moreno (isto tamén pode ser suxestión). No final destaca en especial o azafrán (co loureiro mesmo me fai pensar en carne de lagostino).

Como dixen, no paso de boca aínda ten algo por pulir, pero chistoume sobre todo a nitidez das fragrancias, en particular as especiadas, que se presentan tanto no nariz como na boca [en particular no posgusto] cunha definición ben destacable. Hm, contento de telo coñecido.

mercoledì, 22 dicembre 2010

GlenDronach Allardice






Single Malt

Speyside

18 anos

Embotellado pola destilería

46,00% vol


Derradeiro de GlenDronach, destilería que pasa ó libro do SAPo (Selo de Aprobación Paco). En color non é moi diferente do de 16 anos. No nariz tamén hai similitudes: predominio de notas florais, con uz, caravel e rosa (máis vexetais e máis un certo aire de talco) e cereal/masa de pan. Ademais hai un fondo de chocolate e caramelo do queimado na casa e froito seco (abelás?). Por momentos ven un algo de cheiro a xofre (mecha de barrica?), pero non chega a deslucir.

A boca ten unha entrada máis densa que a do de 16 anos pero igual de picante, e desprende inmediatamente tons de tabaco, madeira aromática, froitos secos (castaña, abelá) e cacao, para ir deixando ver a masa de pan e flores do nariz antes de entrar nun final de chocolate, tabaco e noces con algún apuntamento almiscarado. Polo medio de todo isto deixouse ver algún mirabel con algo de figo paso.

De todo isto despréndese que é un whisky bastante clasicote na crianza (xerezana), pero con notas vivas do destilado que lle achegan frescor e franqueza e fan que o desenvolvemento na boca teña máis axilidade que se fose un puro oloroso. Placet.

lunedì, 13 dicembre 2010

GlenDronach Revival








Single Malt

Speyside

15 anos

Embotellado pola destilería

46,00% vol


Hoxe aínda toca o capítulo 2 de GlenDronach (aínda porque vou cun algo de retraso: xa case estamos en tempada de Islays e aínda me quedan uns cantos de interior por probar, pero tampouco é cousa de forzar).

Este xa se pode chamar ámbar. No nariz ten semellanzas co de 12 anos, con aqueles puntos florais + tropicais (goiaba?) e a masa de pan, pero agora o ton vexetal parece máis ben de ortiga e hai tamén apuntamentos máis terrosos e algún aire de armario vello. Deixándoo repousar un pouco a masa de pan pasa a ser máis ben mazapán, e xorden notas de herboristería, con menta e anisados, que por momentos recordan case a un licor de herbas. En xeral é fresco e vivo, e pica un pouquiño. Con auga revela bastante máis a crianza xerezana, sobre todo con cacaos e toffee.

O ataque tamén é semellante ó de 12 no tacto, pero con aromática en boca máis intensa (mesmo diluído); de feito xa na entrada solta un ton marcado de fume, pero non fume no sentido de turba, senón como cando a xente fala de afumados nun viño tinto pasado por madeira. Logo atopamos os aromas do nariz pero sobre un fondo de café con leite, tabaco, xaruto (que acaba dominando o final) e cacao que dan unha impresión un algo máis densa que o fondo de crianza do de 12. O mirabel do anterior déixase ver un pouco, pero non estou seguro de que o identificase de non ter probado o outro antes.

En xeral é máis complexo e tamén ten máis potencia, máis seriedade, tamén máis peso da madeira pero para nada é un tablón; é boa madeira que deixa lucir o destilado, sobre todo con eses aromas vexetais e herbais. Igual de franco que o anterior, pero esta maior intensidade e as notas adicionais de crianza fano máis propio para despois de comer que para entre horas. Placet.

lunedì, 22 novembre 2010

GlenDronach Original







Single Malt

Speyside

12 anos

Embotellado pola destilería

43,00% vol


Toca agora comezar a serie GlenDronach, destilería que volve a estar en funcionamento desde hai dous anos, desde que está en mans de BenRiach, co que pasou a ser unha das poucas independentes. Disque o nivel dos seus whiskies subiu desde entón, pero como non probei aínda os anteriores terei que partir de tabula rasa.

O whisky en si ten un color dourado cargado con algún reflexo cobre. Nariz fragrante e vivaz, cunha primeira bafarada floral (caravel, uz, rosa) cos talos; engarzado nestes últimos tonos aparece tamén algo de froita tropical, goiaba. Menta? Despois de todo isto aparece un aire de masa de pan sobre fondo de madeira xerezana cálida que vai pasando a unha clara nota de mirabel ben maduro.

Na boca ten unha entrada franca e clara, malia ser un pouco secante. Aparece unha certa envolvencia, con miolo de pan e rebordes pasificados (orellóns? algo de figo?) sobre os que volven os mirabeis (frescos, en licor e en xarope) con puntais de doela de oloroso e algún apuntamento cítrico e especiado (cravo?) pasando a un final que mantén a nota central de mirabel pero revela un toque afumado, entre o lume de leña e o foguete estoupado.

É un whisky alegre e aberto, falador, cun perfil aromático interesante e compoñentes ben organizados ademais dunha grande franqueza. Encantado de coñecelo e con curiosidade por ver os máis vellos. Placet.

martedì, 2 novembre 2010

Glenfarclas 21 anos







Single Malt

Speyside

21 anos

Embotellado pola destilería

43,00% vol


Por un par de circunstancias chegoume esta botella que encaixa na serie de Glenfarclas que empezara o ano pasado, así que se pode comparar co que entón dixen dos outros (pasa que a comparación fiable fiable non é, visto o tempo que pasou).

De color preséntase dourado cargado, ouro vello pero sen entrar no ámbar. No nariz vemos un whisky coas características da casa: impronta xerezana, con madeira vella pero máis discreta que nos máis novos, con moitas menos acetonas, florais de uz (pero sobre todo de caravel) e esa nota de colonia de avó. Sobre todo a copa parada transmite ben o malte e tamén notas de aceite de abelá e algo de coco. Fronte ó que recordo dos anteriores tamén é un nariz máis compacto, máis denso, pero denso pola madurez do destilado, non en plan xarope.

A entrada na boca é dóce, con regalicia e algo que se move entre o biscoito e a mazá, pero atemperada por un marco de madeiras fragrantes (mesmo matices de cedro) que pasan a ser especias (vid. infr.). O centro do padal tómao un ton de mazá asada con canela (e logo cravo e logo máis especias: vainilla? xenxibre?) e azucre de cana, máis algo de albaricoque confeitado/seco. Logo (pero bastante logo) vai pasando, con apuntamentos de fume e algo de pasificado, a un final que nuns grolos é de pasa e noutros de cacao/café. Cando todo isto se vai esvaíndo quedan ecos de caldo de carne (comparable a un Mortlach novo?) con tomate e cravo.

Como se pode imaxinar despois do que puxen, anda ben servido de complexidade e lonxitude, e a boca ten un desenvolvemento moi moi pausado, redondo, tecido.

[Non podo pechar sen acordarme do proveedor da botella. Alfonso: á túa saúde.]