martedì, 22 gennaio 2013

Bunnahabain 12


[Bunnahabhain 12]

Single Malt
Islay
12 anos
Embotellado pola destilería
46,3% vol



Rematando con Islay por este ano cun que non ten moita "tipicidade" se collemos de modelo os churrascos de alga que fan no sur da illa, na parroquia de Kildalton. Este é un pouco diferente. Color ouro vello, ten nariz intenso e con pegada (mesmo pica un pouco) de Highland da súa idade, con mazá madura e uz e fondo de galleta con matices de pólvora e faiado. Botándolle unha pinga de auga sáelle unha bafarada de cacao e de caramelo ben queimado, pero sen dar impersión de dóce.

Boca tamén picante sen diluír. Por aromas engádenos sobre todo froitos secos e un puntiño de fume de leña que se nota sobre todo no longo final e un fondo semellante ó do nariz. En xeral é iso: un Highland de 12 anos con corpo delgado, forza e lonxitude. Placet.

martedì, 15 gennaio 2013

Bowmore 18 anos


[Bowmore 18]

Single Malt
Islay
18 anos
Embotellado pola destilería
43,00% vol



Ano novo, mesma destilería; non puiden mercar do de 15 anos así que paso directamente ó de 18. De color ouro vello. No nariz o carácter é ben parente do de 12, con semellante froitosidade e fume discreto, pero sobe de balsámico/herbas (entre loureiro, menta e mesmo lavanda, sen ser de todo ningún deles), aire salgado e, malia un fondo terroso/de froitos secos/cacao dá impresión nova, fresca e vigorosa.

Algo semellante ocorre na boca, que por textura parece moito máis nova có que pon a etiqueta. O cambio está máis ben na maior complexidade (e igual é un bocado máis longo), con esas notas terrosas a maiores (que se xuntan moi ben co suave afumado) e as de herbas, que fan boas migas cos matices salgados e de iodo/azafrán.