martedì, 18 dicembre 2012

Bowmore 12 anos



[Bowmore 12]
Single Malt
Islay
12 anos
Embotellado pola destilería
40,00% vol



Todo mundo ten unha historia de extremos con Islay; ou ben un flipa e se fai fanático da brasa de turba ou ben lle parece unha cousa noxenta e logo acaba colléndolle gusto. Eu debo de ser da terceira vía, porque o primeiro Islay que probei parecíame de fume, froita e aceite de fritir, nin repulsivo nin me cambiaba a vida. Logo funlle vendo o lado marítimo e un inverno sen un destes xa non é o mesmo. O primeiro que probei foi un Bowmore de 12 anos, e hoxe volvo mirar a ver como está.

Dourado escuro, brillante e matizado. No nariz o fume está presente pero non é para nada protagonista (en xeral o perfil está máis preto de Highland Park que de Lagavulin). Polo lado dos aromas de froita, onde, p.ex. Laphroaig ten melón aquí hai mazá e manga moi ben fundidas entre si, e con apuntamentos de uz (e máis, cítrico?), e certo ton dóce (hai quen fala de mel; eu nin nego nin afirmo). Aparecen tamén puntos de mar (arenque? algo de anchova?), que un preferiría que fosen máis fortes pero estar están. Precisión e franqueza.

Boca cálida, non pedraalumbre, de entrada cereal que pasa a amosar os aromas do nariz, tamén aquí enxertados uns nos outros. Final que vai secando e engadindo matices máis iodados (por un momento mesmo azafrán) e algún vexetal. Boa mostra, e ben tecida, da illa tirando pola banda moderada, e por complexidade dá para explorar máis (vou mercar a botella).

martedì, 11 dicembre 2012

Glengoyne 12

[Glengoyne 12]



Single Malt
Highlands
12 anos
Embotellado pola destilería
43,00% vol


Despois dun paronciño por causa dun gripe e logo unhas vacacións e logo choio interrumpín isto un pouco e agora vou con atraso, así que vou ter que catar cun algo de apuro. Volta a Escocia (Highlands) con este Glengoyne, que se amosa con color ouro vello bastante brillante.
Inmediatamente aromático ó botalo na copa, e clásico, con mazá asada, uz e algo de moble vello, máis faceta cereal/panadería engarzada cun bocadiño de abelá. Se se busca (ou se agarda un pouco) saen herbas (menta, regalicia), a achegar frescor atemperado por un belisco de vainilla. Na boca, ataque incisivo e final máis dóce, pero tamén de corte moi clásico, de vestir coidado e oloroso (moi nidia e saborosa esa abelá, tamén con améndoas crúas). A impresión do seu paso correspóndese á idade que declara, pero o final é longo abondo e máis.
En suma: da vella escola, subtil (entra no estereotipo de Speyside), coherente e harmonioso. Outro que vai para a lista de excelentes whiskies con marca de menos bombo.