domenica 8 marzo 2009

Ardbeg TEN



Single Malt

Islay

10 anos

Embotellado pola destilería

46% vol

Velaquí un dos tres (nun futuro catro) grandes representantes do estilo máis coñecido de Islay, o do rompemar fumegante (os outros veñen sendo Lagavulin e Laphroaig e proximamente Kilchoman; tamén se podería contar a Caol Ila, pero o seu perfil vai un pouco nun capítulo aparte). Indo ó material en si, este líquido de cor palla cargado despide inmediatamente unha vaga de fume de turba que amosa claramente o que é, pero non deixa atrás todo un abano de complexidades, harmonías e excursos pituitarios nos que un pode botar tempo e máis. Está por un lado o carácter afumado en si, con notas de cinza e matices de hidrocarburos e piche fresco, que non logran sepultar un núcleo afroitado (pel de mazá vermella moi madura, carne de mazá golden) con derivacións que agora comentamos e mais ornamentos (non chegan a ingredientes de pleno papel) marítimos de iodo (percebe?) e matices de argazo e vento mareiro. Na boca o ataque é un algo picante pero estende inmediatamente a dozura do malte cunha sacudida de fume e cinza, para ir dando paso ó referido centro froital que se podería resumir como xa dixen (mazá) pero que fai incursións por outras tesituras (moi notablemente presenta aires de cando un entra na farmacia) sempre entrelazándose entre si mentres a cinza volve rexurdir ata un momento no que está a piques de entrar no dominante pero non chega a traspasar ese límite. O longuísimo final (especialmente nas primeiras semanas da botella), sinalado por un certo amargor que lle achega viveza, resolve en regalicia con certa substancia de chocolate branco e un resume dos compoñentes antes descritos movidos unha vez máis por certa brisa do mar.

Cómpre dicir que, conforme a botella leva unhas cantas semanas aberta e o nivel do líquido vai por debaixo da metade, prodúcese un notirio cambio na personalidade do líquido: as notas mariñas fanse aínda máis discretas e vai aparecendo, ata tomar protagonismo, un ton de pan torrado/aroma de habitación na que se fai café, ó tempo que a mazá da boca vai evolucionando e incluíndo, por exemplo, un certo carácter de infusión herbal, concretamente macela e herba luísa [teño que dicir que, sen considerar desagradable esta segunda cara, penso que o momento ópimo é cando leva entre unha e catro semanas aberto, pero como xa se sabe de gustibus non est disputandi]. Para resumir en poucos adxectivos, completo, razonablemente costeiro, complexo, potente [o suficiente como para parecerlle desagradable a quen non guste deste estilo] e, atención, equilibrado, co fume e a cinza sempre integrados aínda que, como xa dixen, coa sensación de que están a piques de pasar o límite.

domenica 1 marzo 2009

BenRiach Arumaticus Fumosus





Single Malt

Speyside

12 anos

Embotellado pola destilería

46,00% vol


Parece que se trata dunha edición remadurada/acabada/etc. en envase especial (neste caso de ron escuro xamaicano) da versión afumada de BenRiach. Tendo isto en conta, o primeiro que impacta deste whisky é a palidez do color: cor palla con notas aceiradas, que indican unha boa proporción de barricas de terceiro uso polo menos (o que non ten por que ser para nada unha mala cousa vistos os excesos que se teñen ambotellado nos últimos anos). No nariz temos un golpe de fume ben evidente pero que non encobre a personalidade do destilado, cheo de banana (madura e verde) con matices herbáceos que lle achegan frescura e mais certos atisbos de disolvente. Na boca preséntase algo similar, cun ataque importante pero non excesivo de turba que dá paso á banana con dozura e con matices de pera antes de volver rexurdir (a turba, digo), cun ton seco e secante no que sen desaparecer a banana se expande o fume con feluxe, algo de plátano e mesmo algo de embutido afumado.
Non podo valorar o impacto do ron pola miña completa ignorancia nese campo (quitando os combinados baratos con cola que un toma cando é novo e esas cousas todas), pero tanto o color como o feito de que o perfil do whisky quitando o fume e mutatis mutandis ten o aire de familia do BR de 12 anos fan supoñer que non puido ser moi agresivo e que máis ben fai acentuar os trazos que xa se atopaban no carácter da casa.