domenica 22 febbraio 2009

BenRiach 12 anos




Single Malt

Speyside

12 anos

Embotellado pola destilería

43,00% vol


Velaquí unha das notas que teño pendentes de colgar pero aínda non puxen por pura malandraxe a mais por unha tempada laboral un tanto frenética. Whisky de Speyside pouco visto pero cunha gama bastante ampla e que eu descoñecía completamente (comme tutti quanti, por outra parte). Merquei este por facerme unha idea do "básico", xa que non anuncia tratamento de madeira especial nin carga particular de fumo, a diferenza doutras propostas da destilería.
Na copa preséntase dourado pálido, sen ningún specto visual especialmente destacable. O nariz amosa un carácter perfumado con matices florais (uz, caravel) e afroitado; neste último aspecto toman o protagonismo notas de banana, madura, pero tamén, e especialmente, verde, acompañadas doutros aires tropicais ou de froita de verán, como pode ser o ananás e a pel de pexego, todo iso cun agradable e fino reborde de coco. Esta especie de macedonia con flores repítese na boca, onde se manifestan notoriamente o caravel e a banana verde, sostidas por un apuntalamento de vainilla e mel.
En xeral dá a impresión dunha estrutura un tanto simple: fondo moi razonable da madeira, coa vainilla e o coco (aínda que non teño completamente claro que este último estea orixinado polo carballo), e unha chea do que os perfumistas chaman notas superiores, con todas as pinceladas antes recollidas. Con todo, non carece dun certo encanto e por algún motivo acompaña ben a temporada pre-primaveral.