domenica 11 gennaio 2009

The Dalmore Gran Reserva




Single Malt

Highlands

Embotellado pola destilería

40,00% vol


Ao igual que o de 12 anos, tamén o "Cigar Malt" pasou polo cambio, e agora chámase "Gran Reserva". Segue a ter como trazo principal unha proporción maioritaria de madeira de xerez fronte a bourbon (60/40), o que queda ben de relevo no nariz e no padal. Non así na vista, que é bastante semellante ó 12 anos (entre o outro vello e o ámbar). No nariz, preséntase a nota de laranxa acompañada de café, que, contra o que eu esperaba, é máis ben minoritario e cede espazo ao chocolate. Están presentes tamén os matices de monte e de coiro, pero dunha forma moito máis discreta que no 12 y o. O carácter do aroma acábase de redondear con tons de biscoito máis un certo recendo a madeiras vellas, a faiado. Adivíñanse tamén os pasificados que se farán máis intensos na boca.

Nesta última, segue a laranxa con chocolate envolta en pasificados de oloroso (uva/ameixa/figo sen que ningún sobresaia dos demais) e froitos secos (particularmente améndoa torrada e posiblemente algo de abelá), cunha repetición do aire de monte e, sobre todo, de faiado, que cos pasificados e os froitos secos define o final.

En xeral, comparado co de 12 anos (non cheguei a probar o Cigar Malt), resulta máis axerezado, con máis ton froitoso e de madeira vella, o que o pode facer máis atractivo para os afeccionados ós brandies andaluces, se ben me parece que o seu irmán de 12 anos tiña máis definición e empaque.

0 commenti: