
Single Malt
Highlands
Embotellado pola destilería
40,00% vol
Toca hoxe a terceiro e última (polo momento) mostra de Dalmore, co 15 anos (o de 40, o de 50, o Alexander III e o 1974 quedan un pouco fóra das miñas posibilidades). Totalmente criado en madeira de xerez (concretamente Matusalem, Apóstoles e Amoroso), este whisky amosa un color de ouro vello/ambarino que non se aparta demasiado dos anteriores. Na nariz continúa a semellanza da familia coa consabida laranxa, se ben desta volta se presenta cun ton máis perfumado (dándolle un pouco de tempo na copa parece escarchada e máis en licor), acompañada de chocolate con leite, matices anisados, certo ton floral de uz e toxo e todo un trasfondo que denota a madeira empregada: pasificados (ameixa, particularmente), especias (comiño? cravo?), azucre moreno e faiado/libros vellos.
Na boca, moi amable e franca, continúa o carácter de laranxa e chocolate con leite envolto en madeiras, pasificados, froitos secos (améndoa torrada), especias e os leves matices de monte, para rematar nun longo final marcado polo café e un nidio regusto de xaruto. Ó padal preséntase con certa sensación de densidade pero en ningún momento xaropento nin edulcorado. En certo sentido, parece como se collesemos o 12 anos, lle engadimos as dimensións xerezanas do Gran Reserva e lle desemos ó resultado un punto máis de desenvolvemento (que non de potencia).

0 commenti:
Posta un commento