giovedì 1 gennaio 2009

The Dalmore 12 anos



Single Malt

Highlands

12 anos

Embotellado pola destilería

40,00% vol


Outro highland que pasou por cambio de imaxe (xa é o segundo en pouco tempo) e tamén de composición, e de xeito similar ós outros, adóptase un look máis tirando a minimalista, estilizado, elegante e esas cousas todas; con todo, como o que aquí importa é o de dentro da botella (aínda que o cervo está moi bonito), imos ó que interesa. Parece que o Sr. Paterson, o elegante e bigotudo responsable de destilación e mesturas do grupo Whyte & Mackay (estou desexando que me chegue o seu libro), decidiu subirlle a proporción de whisky criado en madeira de xerez e agora están a partes iguais.

Non teño a man unha mostra do anterior, pero recordo que o color era semellante, ouro vello entrando ben no ámbar. O primeiro golpe de nariz faime destacar moito café, particularmente en gran, casca de laranxa amarga e unha dose notable de coiro; posteriormente, obsérvase tamén cacao, certos matices anisados e tamén un ton de monte, con uz e toxo acabado de cortar.

Todas estas notas volven aparecer na boca, coa laranxa, o café con cacao e os anisados, nun padal con presenza que engade notas de noz, algo de caramelo e toffee, repite os matices de monte e volve a presentar o coiro do nariz, pero que desta volta se vai transmutando en regusto de tabaco.

Estou comparando de memoria, pero paréceme que, fronte á versión anterior da anterior (a da etiqueta co debuxo en sepia), en liñas xerais, se engaden sabores novos (particularmente o de uz e toxo), se potencian outros (o café e o coiro, que antes estaba presente como unha pincelada moi escondida), outros se modifican levemente (das laranxas en confitura pasamos á casca fresca) e outros se retiran (recordo que o anterior tiña notas no final de coco, améndoa e mazapán non presentes neste). Un whisky robusto que non está para mexericadas pero segue sendo bastante contemplativo (pensemos café/cacao) aínda co novo vigor.


0 commenti: