
Pure pot still
Irlanda
Embotellado pola destilería
40,00% vol
O outro grande pure pot still irlandés (malte de cebada + cebada sen maltear e destilación en alambique de pote) e un exemplo intereseante polo aroma representativo do estilo pero sobre todo pola estrutura en boca, pero non nos adiantemos. De color é dourado intenso entrando no ouro vello. O aroma preséntanos unha vaga de froitos secos (sobre todo pecanas con algo de mazapán) con matices especiados (xenxibre, posiblemente algo de comiño, pero non estou seguro) e un matiz floral máis certos tons de vernices. Todo isto xúntase harmoniosamente nunha sensación penetrante no nariz, sen ser especialmente forte, que atopamos tamén noutros membros da familia (como o Powers, sen ir máis lonxe, onde o destilado de columna non consegue tapalo).
Na boca amosa o carácter central de pecana con matices de madeiras finas (repito: matices), verniz e un ton balsámico, e progresivamente van xurdindo tons amanteigados. Con "amanteigados" refírome tanto ó flavor/aroma en si como á sensación graxa, aveludada e envolvente que se nos presenta no padal, sensación que se prolonga mentres se vai engadindo unha nota de polpa de laranxa que engarza moi ben co matiz balsámico.
Un conxunto de aromas e sabores ben armado cunha boca moi destacable polo intenso (sobre todo na sensación manteigosa) e tamén longo sen perder en ningúm momento o comedimento nin a subtileza.