
Single Malt
Highlands
De idade suponse que basicamente 12 anos
Embotellado pola destilería
46,00% vol
Para empezar, nótase ben a subida de alcohol: a pegada no nariz é bastante intensa e, na boca, fronte á entrada aveludada e golosa que tiña a versión anterior, este é potente chegando case a facerse picante. Non son moi gustoso de cortar os whiskies con auga, pero este ben agradece unha pinga.
Polo demais, mantéñense moitas das notas definitorias do PWF, como o ton achocolatado e de froitos secos, especialmente noz, a nota balsámica ou o matiz floral (xeranio sobre todo) no nariz, pero engádense outros novos, notablemente un aire de améndoa, tanto crúa como tostada (esta última especialmente clara no final e acompañada dun nidio matiz avainillado) que non aparecía, cando menos tan clara, no PWF, e un carácter cítrico, entre laranxa e pomelo, que achega ó mesmo tempo profundidade, fragrancia e frescura. Cambian as cousas tamén con respecto ó equilibrio whisky/porto, xa que se despraza marcadamente favorecendo o primeiro e a froita do viño ten unha presenza como moito residual.
En termos xerais, o QR gaña en potencia e posiblemente tamén en complexidade, se ben non ten, polo menos sen diluír, aquel corpo goloso e amable que tiña o PWF (con todo, quizais se poida corrixir isto xogando coa auga engadida).
