
Single Malt
Gales
Embotellado pola destilería
46,00% vol
Á vista amosa un color palla pouco intenso que denota curta idade (agradécese que non fixeran trucos con caramelo). O nariz é moi aromático e aberto, con moita froita, principalmente mazá e pel de pexego con notas de corazón de gominola e ribetes tropicais. Está presente tamén un matiz de piñeiro e cedro que recordo que tamén había no (tristemente desaparecido) Glenmorangie Madeira Wood Finish, polo que supoño que é atribuíble ó acabado. Por riba, ten un claro ton de disolventes e acetona e acompañan certas notas vexetais (talo de fiuncho, posiblemente). En conxunto, dá unha impresión que recorda algo a caña branca do país.
Na boca presenta notas similares, sobre todo as afroitadas e de gominola, nunha impresión lixeira pero en certa contradición cun corpo pouco denso mais cunha sensación táctil algo basta e no límite do metálico, que é o que permanece no acabado mentres se esvaece a froita. Recorda unha vez máis á augardente branca de bagazo (será cousa da xuventude?).
En suma, ten por unha banda complexidade e un carácter franco e pronunciado, sobre todo no nariz, e bastante complexidade ademais de resultar bastante individual, se ben, por outra, queda moito por pulir, particularmente no padal e no remate. O dito: é como o punto medio entre un single malt escocés e unha augardente galega.

0 commenti:
Posta un commento