domenica 28 settembre 2008

Glenmorangie Quinta Ruban


Single Malt

Highlands

De idade suponse que basicamente 12 anos

Embotellado pola destilería

46,00% vol

Xa estou de volta das vacacións (co fresco do outonovolve un á actividade, ademais de que en verán tendo a beber menos destilados, exceptuando os G&T) e cunha botella nova, así que aquí estamos comentando o material. Como dixera no post sobre o Glenmorangie Port Wood Finish, Glenmorangie pasou por un importante cambio de imaxe (e non só de imaxe; tamén houbo cambios na xestión da destilería) similares ós doutras marcas como, notablemente, Dalmore, que pasan a acentuar máis o aspecto de luxo/exclusividade e esas cousas todas, pasando por riba do de tradición/artesanía (compárense, por exemplo, a etiqueta dos ABC wood finish coa imaxe tipo gravado antigo coas actuais; por certo, a botella de agora está moi ben e as etiquetas non teñen ningunha tacha evidente, pero a min as cápsulas de plástico non me acaban de convencer, aínda recoñecendo que é un tema bastante intrascendente). Como dixera daquela, o PWF pasa a se converter no Quinta Ruban, polo que creo que o máis razonable é comparalos.
Para empezar, nótase ben a subida de alcohol: a pegada no nariz é bastante intensa e, na boca, fronte á entrada aveludada e golosa que tiña a versión anterior, este é potente chegando case a facerse picante. Non son moi gustoso de cortar os whiskies con auga, pero este ben agradece unha pinga.
Polo demais, mantéñense moitas das notas definitorias do PWF, como o ton achocolatado e de froitos secos, especialmente noz, a nota balsámica ou o matiz floral (xeranio sobre todo) no nariz, pero engádense outros novos, notablemente un aire de améndoa, tanto crúa como tostada (esta última especialmente clara no final e acompañada dun nidio matiz avainillado) que non aparecía, cando menos tan clara, no PWF, e un carácter cítrico, entre laranxa e pomelo, que achega ó mesmo tempo profundidade, fragrancia e frescura. Cambian as cousas tamén con respecto ó equilibrio whisky/porto, xa que se despraza marcadamente favorecendo o primeiro e a froita do viño ten unha presenza como moito residual.
En termos xerais, o QR gaña en potencia e posiblemente tamén en complexidade, se ben non ten, polo menos sen diluír, aquel corpo goloso e amable que tiña o PWF (con todo, quizais se poida corrixir isto xogando coa auga engadida).

4 commenti:

amauta ha detto...

que os ebrios impulsos da malta destilada ennobrezan a estirpe de breogán...

Saudos!

Whiskeiro ha detto...

e en moitos anos o comprobe o consangue que busca o nacente

Gourmets Dark Side ha detto...

Non che son moi whiskeiro, pero encántame que teñas este blogue tan especializado.

Que os reis che traian moito de que falar! ;-)

Whiskeiro ha detto...

Esperemos, esperemos.

Que che traian moito a ti tamén.