
Single Malt
Speyside
12 años
Embotellado pola destilería
40,00% vol
Non me vou meter co texto que viña (digo viña porque hai unha chea de tempo que non teño na man unha botella de Macallan do non-Fine Oak) nas botellas de Macallan e que comentaba que o whisky onde maduraba mellor era en envase de xerez. Todo o esnobista que son, supoño que cantas máis posibilidades ofrezca un produtor, mellor para o consumidor (sempre, claro, que isto non afecte a outros produtos)
, e parece que, por riba, o tinglado do Fine Oak lles funcionou, polo menos cuantitativamente, ben. O whisky en se ten un color dourado con algún tinte máis cargado. En nariz, o primeiro que destaca é un vivo e pronunciado ton de froita tropical (manga + lima?), aínda que dedicándolle un pouco de tempo empeza a aparecer un fondo que fai presaxiar a carpintería que vai vir despois (vainilla, coco , algo de floco de millo) máis, por momentos, algún matiz pasificado. En boca, segue claro o ton "tropical sabrosón", pero o que pasa a percibirse é unha marcada armazón de madeira con catro piares fundamentais que se van combinando e alternando: vainilla/toffee, manteiga, coco e millo torrado, nun desenvolvemento variado que se toma o seu tiempo e que transita polo perigoso borde da astrinxencia. En suma, sápido pero lixeiro, vivo, sofisticado e moi centrado no carballo, o que pode ser unha recomendación ou unha advertencia.
0 commenti:
Posta un commento