domenica 16 dicembre 2007

Cragganmore 12 anos


Single malt
Speyside
12 anos
Embotellado pola destilería (DIAGEO)
40% vol.

32,70 €

Color ouro vello bastante cargado. A cápsula di "fragrante", e non conta mentira ningunha, porque o nariz destaca por iso, se ben non fai alarde de potencia. Complexo e plural, con notas de froita (particularmente pexego e albaricoque, con atisbos de cítricos) e matices florais (case rosa por momentos) e herbais. Na boca confírmase o nariz nun amplo desenvolvemento do pexego cos outros matices, pero estes últimos amplifícanse, particularmente o carácter cítrico (pel de laranxa fresca e confeitada), e engádense contrapuntos novos que teñen como trazos fundamentais un fondo de améndoa/coco/mazapán e unha moi subtil nota de fume que, unida á anterior, resolve en chocolate amargo no final (tamén hai que dicir que por momentos o carballo asoma máis do que persoalmente desexaría, pero non chega a deslucir). En liñas xerais é, como xa se dixo, un destilado complexo que, con todo, e como se ve especialmente no corpo, tira polo lado da elegancia e da subtilidade e non polo da forza, se ben isto non quere dicir que careza de firmeza. Mellor como aperitivo que na sobremesa (a madeira e o seu carácter tirando a magro fano parecer excesivamente amargo se se toma con algo minimamente dóce).

0 commenti: